Sunday 05 de May de 2024

O Concello pon en marcha o Plan estratéxico da Coruña 2030-2050, que sentará as bases do modelo de cidade para os próximos 25 anos


A elaboración desta folla de ruta forma parte dos compromisos asumidos nos orzamentos deste ano. A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que á fronte da dirección técnica do plan estará Isabel Pardo de Vera

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación das obras de urbanización na Agra dos Mallos, que permitirán mellorar as conexións coa intermodal entre Vioño e A Sardiñeira

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a Xunta de Goberno Local, convocada en sesión extraordinaria, e na que se aprobou a posta en marcha do Plan estratéxico da Coruña 2030-2050, un dos compromisos adquiridos polo Goberno municipal no Orzamento deste ano, en materia de dinamización económica e planificación urbana a longo prazo.

Para elaborar este plan consignouse unha partida específica de 200.000 euros, tal e como se estipula no expediente definitivo do Orzamento que foi levado ao Pleno e aprobado a finais de decembro.
“A través deste Plan estratéxico definiranse os obxectivos e as estratexias de futuro sobre os que se baseará o modelo de cidade que queremos para A Coruña de cara aos próximos 25 anos, sustentándoo en tres eixes de políticas públicas: a dinamización económica, a planificación urbana sostible e o benestar social”, explicou esta mañá a alcaldesa, que apuntou á “creación de vivenda pública no termo municipal, a aposta pola innovación tecnolóxica como unha vía para fomentar a creación de emprego, a integración porto-cidade, o compromiso coa mobilidade sostible e a accesibilidade universal das veciñas e veciños” como catro das cuestións destacadas que están sobre a mesa.

Os traballos para a elaboración do Plan estratéxico terán unha duración de 30 meses, período durante o cal se definirán os obxectivos que formarán parte da planificación urbana para o período 2030-2050. “Este plan nace cunha clara vocación de facer partícipe os diversos axentes institucionais, sociais e económicos da cidade, porque para a adopción de medidas a curto, medio e longo prazo é necesario traballar en conxunto. O plan contará cun comité de dirección, un consello asesor e comisións delegadas que dean cabida a todos os actores sociais, culturais, económicos e políticos desta cidade, porque o deseño da Coruña do futuro ten que un ser un deseño de todos e de todas”, expuxo Inés Rey.

A alcaldesa tamén anunciou esta mañá que á fronte da dirección técnica do Plan estratéxico estará Isabel Pardo de Vera, “unha persoa por todos coñecida cunha máis que probada experiencia de servizo público”.
“Ademais, o Concello ten previsto habilitar tamén un espazo singular para poder contar coas achegas dos exalcaldes da Coruña. Consideramos que así debe ser porque entendemos a cidade como un elemento vivo, sometido a unha evolución constante. Os mandatos duran catro anos, mais a nosa visión debe ir a longo prazo, sabendo que tan importante como isto é atender as cuestións urxentes do día a día. Por iso estamos convencidos de que escoitar e ter en conta os coñecementos, percorrido e achegas dos anteriores rexedores será de utilidade para, entre todas e todos, sentar as bases da segunda gran modernización da Coruña coa que me comprometín de cara a este mandato”, agregou a rexedora.

Licitación das obras do viario entre A Sardiñeira e avenida de Arteixo

Ademais, tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto e licitación das obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo a través da Agra dos Mallos, unha iniciativa que forma parte dos compromisos asumidos polo Concello no contexto das obras de construción da nova estación intermodal da Coruña.

A rexedora puxo en valor esta intervención urbanística para adaptarse ás necesidades futuras da cidade, unha vez que se poña en marcha a intermodal. “A construción deste novo viario é fundamental por dous motivos: o primeiro, porque é necesario garantir unhas conexións adecuadas entre as avenidas da Sardiñeira e Arteixo, mellorando así a accesibilidade ao barrio dos Mallos; e por outra banda, porque con esta intervención podemos absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a propia intermodal, o que lle dará unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais puntos de acceso á cidade”, explicou na súa intervención.

O novo viario discorrerá polo interior da Agra dos Mallos, entre o complexo polideportivo da Sardiñeira e as explanadas próximas ao centro cívico e o parque infantil do barrio.

Dúas novas rotondas, na avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo

Na rolda de prensa desta mañá, Inés Rey detallou polo miúdo as actuacións máis destacadas das incluídas no plan de obra. Entre elas, a creación dunha nova rotonda na intersección coa avenida da Sardiñeira.

Esta rotonda, de case 20 metros de radio exterior, será o punto de partida do viario que conectará coa avenida de Arteixo, “no que se levará a cabo un ambicioso plan de urbanización que permitirá adecuar este percorrido a cuestións que entendemos básicas, como é a accesibilidade universal”.
Ao longo deste viario crearanse beirarrúas a ambos os lados da calzada, e tamén dous novos treitos de carril bici que permitirán ampliar a rede xa existente. Cómpre lembrar que ambos os treitos estarán conectados ao futuro treito de carril bici proxectado ao longo da avenida da Sardiñeira ao abeiro das obras de reurbanización financiadas a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation. “Desta forma, avanzamos na unificación da rede de carril bici que se está a vertebrar de forma progresiva en toda a cidade, valorando a súa adaptación barrio a barrio”, indicou a alcaldesa.

Ademais, tamén se creará unha nova liña de estacionamento en batería ao longo do viario, no sentido de saída cara á avenida de Arteixo, regularizando os espazos destinados a esta finalidade na Agra dos Mallos. Ademais, a explanada situada entre o complexo polideportivo e a escola infantil seguirá estando habilitada como aparcadoiro, co que lles dá servizo ásfamilias e persoas usuarias de ambas as instalacións. Crearanse, ademais, prazas específicas de estacionamento PMR, para persoas con mobilidade reducida.

A maiores, construirase unha nova glorieta en forma de óvalo na propia avenida de Arteixo. Esta glorieta, que terá 17 metros de radio exterior, estará localizada entre o centro cívico e o centro de saúde dos Mallos. “Coa súa creación posibilitaremos a realización de cambios de sentido neste sector da avenida. Por exemplo, para acceder directamente ao barrio de Vioño e á contorna do propio centro de saúde se vimos en sentido de entrada á cidade”, detallou Inés Rey.

A estas actuacións, as máis visuais das formuladas no proxecto, sumaranse tamén as correspondentes melloras no firme da calzada, beirarrúas e pasos peonís, na rede de saneamento da contorna e tamén o mobiliario urbano. Axardinaranse, ademais, o interior das rotondas e tamén diversas zonas das marxes da calzada.

Un investimento municipal de 2,5 millóns de euros

Tras a saída a licitación das obras, o seguinte paso será a súa adxudicación e posterior posta en marcha, cun prazo de execución de 18 meses.

O investimento previsto nesta intervención é de 2,5 millóns de euros, a imputar no orzamento municipal entre este ano e o 2025. O repartimento desta partida é de 1,2 millóns este ano e de 1,3 millóns con vistas ao vindeiro exercicio.

A alcaldesa destacou que “esta actuación urbanística entre a avenida de Arteixo e A Sardiñeira complementará as obras de reurbanización da propia avenida da Sardiñeira adxudicadas na Xunta de Goberno a mediados de marzo, cun investimento de 1,8 millóns en fondos Next Generation que permitirá transformar e mellorar a calidade urbana do sector superior da estación intermodal e o barrio dos Mallos”.

Inés Rey recalcou que, dando continuidade á liña de traballo que xa se está a executar coas obras de reurbanización de San Andrés e a renovación do mercado municipal de Monte Alto, “desde o Goberno municipal informaremos con todo detalle a veciñanza do barrio docalendario de actuacións e tamén das posibles afectacións derivadas da obra, coa antelación necesaria ao inicio dela”.

O Concello subscribe un préstamo de 22 millóns para investimentos

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación do expediente co que o Concello subscribirá unha operación de préstamo a longo prazo por valor de 22,7 millóns de euros, cifra que permitirá acometer diversos investimentos nos barrios da cidade neste ano 2024.

A alcaldesa lembrou que nos Orzamentos aprobados en Pleno a finais de decembro xa se estipulou que, para financiar os créditos destinados a investimentos, se poderían concertar operacións de crédito ou préstamos a longo prazo, “ata un importe máximo conxunto de 48,6 millóns de euros”.
Neste sentido, o que se aprobou hoxe foi a adxudicación dunha operación de préstamo por importe de 22,7 millóns, a un prazo de 12 anos, unha carencia de dous e un prazo de amortización de dez anos. “A dita operación permitirá levar a cabo importantes investimentos na cidade que permitirán a execución de novas infraestruturas e completar a humanización que puxemos en marcha en todos os barrios”, explicou Inés Rey en rolda de prensa.

Subministración eléctrica das dependencias municipais

Por outra banda, hoxe adxudicóuselle á empresa Iberdrola o contrato da subministración de electricidade de alta e baixa tensión nas dependencias municipais, un contrato baseado no acordo marco da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A mediados de febreiro, tamén en Xunta de Goberno Local, aprobouse a proposta de adhesión do Concello á central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias, a FEMP. “Esta adhesión á FEMP formalizouse para que o Concello puidese optar a condicións máis favorables na contratación de obras, servizos e subministracións,aforrando cartos das arcas municipais no que se corresponde coas licitacións. O expediente que hoxe adxudicamos vai precisamente nesta liña de acción”, indicou a alcaldesa.
O investimento previsto é de 1,9 millóns de euros para un contrato que terá unha duración dun ano, e que será prorrogable por outro máis.